15.10.09

A CIG DENUNCIA A SUPOSTA CESIÓN ILEGAL DO TRABALLADOR DA USC JOSÉ MIGUEL TÚÑEZ LÓPEZ Á RADIO GALEGA

A CIG denunciou ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguranza Social a suposta cesión ilegal do traballador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Miguel Túñez López á Radio Galega (RG). Dende o 7 de setembro, Miguel Túñez presenta e dirixe o magazine A Tarde, que a emisora pública emite de luns a venres entre as 16 e as 19 horas. A CIG tamén denunciou o incumprimento, por parte da dirección da canle autonómica, da obriga legal de información á representación sindical en relación cun suposto convenio bilateral entre a USC e a RG que presuntamente daría cobertura legal á cesión do devandito traballador.

A CIG afirma que Miguel Túñez, sen ter concedida a súa excedencia voluntaria por incompatibilidade como profesor titular da USC, realiza funcións laborais para RG, sometido á xornada e horario do equipo de produción do programa A Tarde, no cal está integrado en funcións de dirección e presentación. Estas funcións son propias da categoría laboral de redactor, integrada no nivel 1 do Convenio colectivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súa sociedades (2007-2010), polo que, segundo a CIG, se omitiron os procedementos convencionais de contratación e provisión de vacantes para substituílos por un suposto convenio bilateral entre a USC e a RG que non constitúe soporte xurídico hábil para a integración dun funcionario da USC na estrutura produtiva da RG.

Á marxe doutras responsabilidades, como as disciplinarias que poden deducirse pola infracción da prohibición de compatibilizar dous postos de traballo no sector público (art. 1.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro), a CIG denuncia que se incorre en cesión ilegal dun traballador, ao carecer a entidade cedente (USC) de infraestrutura e organización propia para a realización da obra obxecto do suposto convenio. A USC limítase a pór a disposición da RG un dos seus funcionarios, sen exercer as funcións inherentes á súa condición de empresario.

A cesión de traballadores en termos prohibidos pola lexislación vixente constitúe unha infracción administrativa moi grave,
tipificada no artigo 8.2 do Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social (LISOS), e sancionábel con multa de 6.251 a 187.515 euros.

En relación coa información facilitada pola empresa a requerimento do comité de empresa, a CIG entende que se está a obstaculizar o exercicio das funcións que legalmente corresponden á representación legal do persoal. A información que o comité pedía era unha copia literal do convenio de colaboración entre a RG e a USC e unha aclaración sobre a situación laboral do director e presentador do programa A Tarde.

En opinión da CIG, o informe remitido pola empresa non se pode considerar satisfactorio, porque omite o clausulado do convenio e outros detalles relevantes como o número exacto dos traballadores implicados, o seu vínculo xurídico, a dependencia funcional e a categoría profesional, dando como única explicación que serán «aproximadamente 1». Esta conduta obstrucionista da empresa, segundo a CIG, supón unha infracción material dos dereitos de información e consulta do comité de empresa, regulados no artigo 64 do Estatuto dos Traballadores, e está tipificada como infracción administrativa grave no artigo 7.1.7 da LISOS.