21.6.10

REDUCIÓN SALARIAL DO 5%

O vindeiro 22 de xuño a Xunta somete a debate e aprobación do Parlamento de Galiza a lei que consuma o recorte do 5% da masa salarial dos seus empregados e empregadas públicos.

Esta lei non se limita a traspoñer a Galiza o Real Decreto-lei 8/2010 aprobado Estado, que na súa disposición adicional novena exclúe “o persoal laboral non directivo das sociedades mercantís”, senón que vai máis alá e inclúe no seu ámbito de aplicación todas sociedades mercantís públicas dependentes da Xunta .

Deste xeito, mentres no Estado español a RTVE non se lle aplica, en Galiza aos traballadores e traballadoras da RTVG si nos vai afectar a redución salarial do 5%.

A CIG reitera a súa oposición a estas medidas que toman aos empregados e empregadas do sector público como cabeza de turco para pagar as consecuencias dunha crise que non provocaron e que supoñen un grave deterioro das nosas condicións de vida.

Por iso, desde CIG, faise un chamamento á participación nas mobilizacións e cantas medidas se propoñan en contra destes recortes salariais.

16.6.10

A CIG CONVOCA MOBILIZACIÓNS NAS CIDADES GALEGAS

XOVES 17 DE XUÑO, CONTRA A REFORMA LABORAL

http://www.galizacig.com/avantar/novas/10-6-2010/a-cig-convoca-mobilizacions-nas-cidades-galegas-o-xoves-17-de-xuno-contra-a-reforma-


LUGAR E HORA DAS DISTINTAS MOBILIZACIÓNS:

-Vigo: Vía Norte ás 20.00 horas.

-A Coruña: Praza da Palloza ás 20.00 horas.

-Santiago de Compostela: Praza Roxa ás 20.30 horas.

-Pontevedra: Praza da Ferrería ás 20.30 horas.

-Ferrol: Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 20.00 horas.

-Lugo: Parque de FRIGSA ás 20.00 horas.

-Ourense: Pavillón dos Remedios ás 20.00 horas.

-Vilagarcía de Arousa. Casa do Mar (Avenida da Mariña) ás 20.30 horas.

14.6.10

CALUMNIA… QUE ALGO QUEDA !

A CIG desminte categóricamente as calumnias que se verten nalgúns foros, e que se intentan difundir como rumor, sobre o comportamento da representación sindical durante a folga do día 8.

Polo menos no que atinxe ós membros dos Comités de Empresa e delegados sindicais da CIG, NINGUÉN pediu horas sindicais nesa xornada co ánimo de que non lle desconten o día na nómina.

Os membros da CIG que teñen liberación, presentaron o día 7 un escrito á Dirección de Recursos Humanos, manifestándolle que estarían en folga a todos os efectos.

Os representantes deste sindicato que teñen horas sindicais, foron á folga, pero NINGÚN pedíu o disfrute desas horas.

TODOS os membros da CIG dos diferentes Comités que, tendo horario de semana, podían participar na folga, fixéronno e verán descontada na nómina esta xornada, como o resto dos compañeiros que a secundaron.

Facer esta acusación xenéricamente contra os “sindicalistas”, contra os traballadores con representación sindical, é unha calumnia que amosa a pasta da que están feitos/as os seus autores/as.

A CIG responde só da actuación dos seus membros.

5.6.10

A CIG CHAMA AOS EMPREGADOS/AS PÚBLICOS/AS A DEFENDER OS SEUS DEREITOS E DIGNIDADE PARTICIPANDO NA FOLGA DO DÍA 8 DE XUÑO

En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos


A CIG fai un chamamento aos traballadores e traballadoras da CRTVG, RTG e TVG a participar na folga convocada en toda Galiza en defensa dos salarios, do emprego, dos servizos públicos e da súa dignidade como traballadores/as que prestan uns servizos útiles e necesarios para a sociedade. A CIG manifesta que non se pode consentir que o goberno de turno tome a estes traballadores/as como cabeza de turco para pagar as consecuencias dunha crise que non provocaron e alerta de que se non hai unha resposta contundente, as medidas que se apliquen poderían ser aínda máis fortes.

Conxelación salarial; recortes para acceder á xubilación parcial; recortes nos gastos sociais para acceder a prestacións derivadas da Lei de Dependencia; limitación da capacidade de endebedamento das corporacións locais para 2011; diminución das retribucións das empregadas e empregados públicos no 5% da masa salarial... Estas son algunhas das medidas que se veñen de aprobar e ás que a CIG xa manifestou, desde o primeiro momento, a súa total oposición.

Medidas que supoñen un grave deterioro das condicións de vida das empregadas e empregados públicos e tamén dos traballadores/as do sector privado, pensionistas, dependentes...; que provocarán un considerábel aumento da fenda existente entre a clase traballadora e os que representan aos poderes económicos; un retroceso da situación económica, polo seu impacto negativo no consumo e na actividade produtiva e que, no seu conxunto, provocarán un grave deterioro das condicións de vida e traballo.

Medidas que para a CIG, aumentarán as diferencias sociais entre os máis ricos e os máis pobres e que favorecen unha maior inestabilidade na sociedade.

Por iso, desde CIG faise un chamamento á participación activa na folga prevista para o vindeiro día 8 de xuño.