En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos
Conxelación salarial; recortes para acceder á xubilación parcial; recortes nos gastos sociais para acceder a prestacións derivadas da Lei de Dependencia; limitación da capacidade de endebedamento das corporacións locais para 2011; diminución das retribucións das empregadas e empregados públicos no 5% da masa salarial... Estas son algunhas das medidas que se veñen de aprobar e ás que a CIG xa manifestou, desde o primeiro momento, a súa total oposición.
Medidas que supoñen un grave deterioro das condicións de vida das empregadas e empregados públicos e tamén dos traballadores/as do sector privado, pensionistas, dependentes...; que provocarán un considerábel aumento da fenda existente entre a clase traballadora e os que representan aos poderes económicos; un retroceso da situación económica, polo seu impacto negativo no consumo e na actividade produtiva e que, no seu conxunto, provocarán un grave deterioro das condicións de vida e traballo.
Medidas que para a CIG, aumentarán as diferencias sociais entre os máis ricos e os máis pobres e que favorecen unha maior inestabilidade na sociedade.