31.12.09

POSICIONAMENTO DA CIG SOBRE O PROXECTO DE LEI XERAL DA COMUNICACIÓN AUDIOVISUAL


O Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, máis que articular unha regulación básica e homoxénea do sector audiovisual, unificando nun só corpo legal normativas dispersas, senta as bases da súa liberalización, mudando os consensos básicos e as esixencias que se viñan aplicando en materia de comunicación audiovisual.

A proposta do goberno parte do dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios, no exercicio do dereito á liberdade de empresa, en réxime de libre competencia e dentro dun mercado transparente e plural.

Deste xeito, o dereito á pluralidade de medios pasa a ser considerado como o valor principal, no canto de entenderse como un dereito secundario ou derivado do dereito fundamental da cidadanía á liberdade de expresión e de información e do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos significativos, entendido este último como un instrumento chave para garantir o pluralismo social (pluralismo que a pluralidade de medios, por si mesma, non garante). Estes dereitos a penas chegan a albiscarse ou non se mencionan no Proxecto de Lei da Comunicación Audiovisual.

Como consecuencia do anterior, a noción de “servizo público esencial” esixíbel ao conxunto da radiotelevisión perde a súa validez, e introdúcese o concepto de “servizo de interese xeral”, aplicábel aos operadores privados, que se poden ver “liberados” da esixencia de cumprir determinadas condicións. Só os medios públicos manteñen a cualificación de “servizo público esencial”, que ten como función principal difundir contidos que fomenten os principios e valores constitucionais, contribuír á formación dunha opinión pública plural, dar a coñecer a diversidade cultural e lingüística e difundir o coñecemento e as artes.

Porén, o Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual non obriga ao Estado ou as Comunidades Autónomas a prestar o servizo público esencial de comunicación audiovisual, nin establece, no caso de decidir prestalo, a xestión directa a través de entidades de dereito público, propoñendo unicamente que se realice conforme a xenéricos criterios de “transparencia empresarial”.

Non fixa cotas mínimas de produción propia interna (a producida con persoal e medios técnicos propios) que garantan a estabilidade e a calidade do emprego, e con iso a calidade dos contidos audiovisuais que debe ofrecer a radiotelevisión pública de Galiza.

Non recolle dereitos profesionais como os Estatutos de Redacción e os Consellos de Informativos, necesarios para a participación dos traballadores e traballadoras na liña editorial dos medios de comunicación e para velar pola súa independencia e a obxectividade e a veracidade da información.

Impón aos medios públicos a prohibición de competir polos dereitos de grandes retransmisións deportivas e producións cinematográficas, que repercutirá na debilidade do sector audiovisual público, ao non poder situarse, nun pretendido “réxime de libre competencia”, en igualdade de condicións cos operadores privados.

Non obriga aos prestadores de servizos audiovisuais a emitir un mínimo de programación en galego, éuscaro e catalán nos seus respectivos territorios, ficando no plano da retórica o recoñecemento do dereito á diversidade cultural e lingüística.

Esixe o acordo mediante convenio, reciprocidade e autorización estatal previa á emisión do servizo público de comunicación audiovisual por ondas hertzianas terrestres dunha Comunidade Autónoma noutra distinta. Esixencias que semellan paradoxais e inadmisíbeis, cando o propio Proxecto de Lei, a través da súa disposición final segunda, incorpora o dereito da Unión Europea, nomeadamente a Directiva 2007/65/CE, pola que se modifica a Directiva 89/552/CEE, que garante a libre difusión dos servizos de comunicación audiovisual entre os Estados membros. E cando a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, fundamenta a política dos Estados membros no respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, procedendo de xeito que as divisións administrativas non constitúan un obstáculo á promoción das mesmas.

A chamada autorregulación adquire a categoría de dereito dos prestadores de servizos audiovisuais, cando en realidade é unha toma de conciencia (como non podería ser doutro xeito) das obrigas e responsabilidades dos que xestionan e operan os medios de comunicación. Porén, a experiencia demostra que a autorregulación non ten eficacia sen non conta co control último dunha autoridade audiovisual independente con capacidade sancionadora, que é precisamente o que se quere limitar co sorprendente recoñecemento do dereito á autorregulación dos prestadores dos servizos audiovisuais. Neste senso, a autorregulación é tan só un instrumento complementario da lexislación e dos mecanismos xudiciais ou administrativos, aos que en ningún caso pode substituír.

En definitiva, o Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, máis que regular o sector audiovisual, asegura a súa liberalización, dando satisfacción ás reclamacións dos operadores privados, que priorizan a rendibilidade económica do sector.

Pola contra, a CIG defende a existencia de radiotelevisións públicas fortes, coa estrutura e dimensión necesarias (incluído un cadro de persoal estable e suficiente), que lle permitan desenvolver as misións de servizo público asignadas, directamente relacionadas coas necesidades democráticas, sociais, culturais e lingüísticas do noso pobo e coa necesidade de preservar o pluralismo social. Con este fin, a CIG impulsará a iniciativa popular, na defensa dos medios audiovisuais públicos que Galiza precisa.

25.12.09

A XEFA DE PROGRAMAS DA RADIO GALEGA CONTRATADA EN FRAUDE DE LEI


O pasado día 4 de novembro a Inspección de Traballo
declarou en fraude de lei a contratación, na modalidade de interinidade en vacante, da xefa de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro. Segundo a autoridade laboral, Gloria Ferreiro foi contratada para coordinar os progamas e os locutores que presentan os mesmos, e estas funcións non coinciden coas de locutora de radio sinaladas no contrato.


Ademais, a contratación de Gloria Ferreiro celebrouse á marxe do procedemento de contratación temporal establecido no convenio colectivo da CRTVG e as súas sociedades, que ten por finalidade cumprir cos principios constitucionias de igualdade, mérito e capacidade. É dicir, que Gloria Ferreiro foi contratada lesionando o dereito preferente doutros aspirantes pola súa puntuación acreditada nas listaxes de contratación temporal.

Por todo isto, a inspectora considera que a xefa de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro, foi contratada en fraude de lei, tipificándose a infracción como grave na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.

4.12.09

INSPECCIÓN DE TRABALLO SANCIONA Á RADIO GALEGA POLA CESIÓN ILEGAL DO TRABALLADOR DA USC JOSÉ MIGUEL TÚÑEZ LÓPEZ

En data 19 de novembro de 2009, a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de A Coruña practicou acta de infracción contra a Radio Galega (RG), pola cesión ilegal do traballador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Miguel Túñez López á RG.


José Miguel Túñez López, dende o pasado 7 de setembro dirixe e presenta o programa A Tarde, integrándose na estrutura produtiva da RG, sen máis soporte xurídico que un convenio de colaboración entre a USC e a emisora pública. A Inspección de traballo confirma que “D. José Miguel Túñez López estivo suxeito a unha cesión ilegal de traballadores, xa que estivo contratado pola USC para cedelo á RG, consistindo as súas funcións no desenvolvemento normal e habitual das competencias de director do programa “A Tarde”, posto que dende o 01/09/09 estivo cubrindo necesidades que, de non ser realizadas por el, terían que ser encomendadas a algún dos locutores do cadro de persoal estable da empresa, é dicir, trátase de necesidades de natureza ordinaria e permanente idénticas ás que viñan cubrindo anteriormente outros locutores”. Na LISOS esta infracción tipifícase como moi grave, sendo sancionable con multa de 6.251 a 187.515 euros.


Ademais de omitir o procedemento convencional de contratación (baseado nos principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade), a relación laboral do funcionario da USC José Miguel Túñez López coa RG incumpre o artigo 1.1 da Lei de incompatibilidades, que dispón: “O persoal comprendido no ámbito de aplicación desta Lei non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no Sector Público, agás nos supostos previstos na mesma.


Mais o convenio de colaboración entre a USC e a RG para a realización do programa A Tarde aínda incumpre o artigo11, apartado 3, da Lei de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, que establece que os convenios plurianuais requirirán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia. Autorización coa que este convenio non conta.


A representación sindical esixe a anulación do mencionado convenio de colaboración e o cesamento inmediato do funcionario José Miguel Túñez López nas funcións de presentación e dirección do programa A Tarde. Reclamamos que dúas institucións públicas da relevancia da USC e a CRTVG respecten escrupulosamente a lexislación laboral e administrativa vixente.