15.12.08

CONSIDERACIÓNS SOBRE O ACORDO DE CONSOLIDACIÓN DE EMPREGO

É de sobras coñecida a posición da CIG en defensa do concurso-oposición libre como modelo de acceso á empresa pública. Ademais de ser xuridicamente preceptivo (Lei 9/1984, de creación da CRTVG), é socialmente xusto. Consideramos que o emprego público non é propiedade exclusiva ou preferente de ninguén en particular, senón de toda a sociedade galega, que é a que o paga cos seus impostos e ten dereito a optar a unha praza fixa en condicións que garantan os principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade.

Porén, recoñecemos a situación extraordinaria da CRTVG e as súas sociedades, TVG e RG, cunha contratación temporal do 40 %, gran parte en fraude de lei, provocada pola carencia de procesos selectivos de carácter xeral dende o ano 1992.

É por iso que negociamos un proceso extraordinario de consolidación de emprego baseado na disposición transitoria cuarta do Estatuto Básico do Empregado Público, que establece:

1. As administracións públicas poderán efectuar convocatorias de consolidación de emprego para postos ou prazas de carácter estrutural correspondentes aos seus distintos corpos, escalas ou categorías, que estean dotados orzamentariamente e se estean desempeñando interina ou temporalmente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.

2. Os procesos selectivos garantirán o cumprimento dos principios de giualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. O contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos obxecto de cada convocatoria. Na fase de concurso poderá valorarse, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia nos postos de traballo obxecto da convocatoria.
Os procesos selectivos desenvolveranse conforme ao disposto nos apartados 1 e 3 do artigo 61 do presente Estatuto.

Artigo 61.3: Os procesos selectivos que inclúan, ademais das preceptivas probas de capacidade, a valoración de méritos dos aspirantes, só poderán outorgarlle á devandita valoración unha puntuación proporcionada que non determinará, en ningún caso, por si mesma o resultado do proceso selectivo.

En consecuencia, negociouse un proceso coas seguintes características:

- Elimínase o temario xeral incluído no proceso ordinario e mantense só o específico das categorías obxecto de convocatoria.
- Valóranse os méritos até o máximo legal permitido do 40 % da puntuación máxima alcanzable na fase da oposición.
- Exclúese da cualificación como méritos os servizos prestados noutras empresas do sector audiovisual e valóranse os realizados nas administracións públicas con tan só un terzo do valor dos prestados na CRTVG. A valoración da experiencia representa o 90% dos méritos e o 10% restante resérvase a formación.

Ademais do anterior, acordouse:

- Que as probas escritas (teórica, práctica e de galego) son eliminatorias no seu conxunto, chegando con acadar 40 dos 120 puntos totais para superar a fase de oposición (o que significa que sobre 10 se precisan 3,3 puntos). Só para as categorías de redactor, locutor e lingüista se establece a maiores unha proba de galego oral eliminatoria.
- Acoutar unha bibliografía básica para facilitar a preparación dos temarios e a elaboración das preguntas.

Garántese a transparencia e obxectividade do proceso, mediante:

- Probas escritas tipo test.
- Presenza de profesionais das especialidades correspondentes en cada tribunal.
- Galego oral cualificado exclusivamente por dous lingüistas externos nomeados de común acordo.

Lingua

Se ben a CIG defendeu probas de galego oral eliminatorias para todas as categorías, considerou esencial e irrenunciábel a proba oral eliminatoria nas categorías de redactor, locutor e lingüista, debido ao uso que se especifica nas súas funcións. Cómpre lembrar que a promoción e a normalización da lingua galega, en canto símbolo fundamental da identidade do pobo galego, constitúe unha das principais razóns de ser da radio e a televisión públicas de Galiza, e este cometido non pode subordinarse aos intereses de traballadores concretos nun momento determinado.

Dereitos e non discriminación

En definitiva, trátase de facilitar que o persoal que ocupa os postos de traballo obxecto de convocatoria acade praza fixa, mais non de garantilo. En primeiro lugar, porque hai máis persoal contratado que prazas ofertadas e, en segundo lugar, porque o persoal con menos antigüidade e o que non tivo a oportunidade de traballar na CRTVG e as súas sociedades ten que ter a posibilidade real de optar tamén a unha praza fixa na principal empresa pública de comunicación de Galiza.

A CIG defende os traballadores e traballadoras, mais respectando os dereitos de todos e todas, dos que teñen vinte anos e dos que teñen dez, cinco ou un ano de antigüidade, mais tamén dos que nunca tiveron a posibilidade de traballar na CRTVG.

Proceso da Xunta

No proceso de consolidación de emprego aprobado pola Xunta de Galicia, convócanse case dúas mil prazas de persoal laboral fixo. A maioría delas (1.500) cóbrense polo sistema de concurso-oposición baseado na mesma disposición transitoria cuarta do Estatuto Básico do Empregado Público que se aplica na CRTVG, e afecta a persoal que ten recoñecida a condición de indefinido en virtude de sentenza xudicial, ou susceptíbel de tela (contratación baixo a modalidade de obra ou servizo determinado, para a realización de programas ou servizos de carácter estrutural).

O resto, algo máis de 400 prazas, cóbrense polo sistema de concurso de méritos, e afecta a persoal que ten recoñecida a condición de indefinido con efectos anteriores á sentenza ditada polo Tribunal Supremo o 7 de outubro de 1996, que “impide equiparar aos demandantes a traballadores fixos do cadro de persoal, condición ligada á contratación polo procedemento regulamentario” (STS 5360/1996), o que significa que este persoal ten a consideración de fixo.

Medias verdades e omisións

Por que cando se fala de agravios comparativos e se reclaman procesos similares aos da Xunta non se di isto? Por que tantas verdades a medias? Por que tantos silencios clamorosos? Por que se reclaman procesos de consolidación “levados a cabo en canles doutras autonomías xemelgas á nosa (sic)”, como Canal Sur, e se omite que posteriormente o Tribunal Supremo declara a súa nulidade por vulnerar os principios de igualdade, mérito e capacidade (STS 8667/2007)?

Por que se colgan nos taboleiros procesos selectivos levados a cabo na CRTVG hai 22 anos sen facer referencia ao contexto laboral, social e legal no que se desenvolveron? Por que non se di que foron procesos decididos polo Consello de Administración sen o concurso da representación legal dos traballadores, que daquela non existía? Por que non se colgan tamén os procesos selectivos convocados no ano 1992 e posteriores, acordados coa representación legal do persoal en aplicación da Lei de creación da CRTVG e do convenio colectivo aprobado polo conxunto dos traballadores e traballadoras?

Estrañas alianzas

Como é posíbel que quen todo isto promove reclamando procesos “á medida”, que exclúen a moitos opositores da posibilidade de “acceder ao emprego público a traveso dunha oposición libre, vulnerando así o principio de igualdade”, integre a sección sindical da CUT na CRTVG, cando este sindicato defende xustamente o contrario (NOTA PUBLICA)?

Que estrañas relación se establecen entre esa sección sindical na CRTVG e o PP, que no Consello de Administración bloquea a aprobación da convocatoria da OEP, cando esta foi lexitimamente negociada pola representación legal do persoal e ratificada pola Asemblea de Traballadores/es por amplísima maioría?

Compromiso firme

Na CIG reafirmámonos na defensa do proceso de consolidación acordado na negociación colectiva, nos termos aquí explicados, porque entendemos que é o máis respectuoso cos dereitos de todos e todas, e non imos ceder ás presións de ningún grupo particular. O principio de igualdade significa que calquera que cumpra os requisitos de titulación ten que ter a posibilidade real de optar a unha praza fixa na principal empresa de comunicación pública de Galiza. Este é o noso firme compromiso.

11.12.08

EN DEFENSA DO DEREITO PÚBLICO

Historicamente o poder político tratou de convencernos de que a normativa e os procedementos administrativos ordinarios son ríxidos e inadecuados e, polo tanto, restan eficacia á acción do Estado no ámbito da actividade económica ou da prestación de determinados servizos públicos. Xustificou así a fuxida da Administración ao Dereito privado mediante a creación de empresas mercantís e outras entidades que integran o que se deu en chamar “administración paralela”.

Porén, algúns autores sosteñen que esta tendencia provoca moitos dos males que con razón se denuncian do Estado, como son o exceso de gasto e a corrupción. Comentan o informe do Tribunal de Contas sobre a xestión do Ente público RTVE entre 1991 e 1995, no que se denuncian malas contabilizacións de gastos, irregularidades na contratación do persoal e de servizos externos, contratos blindados, malgasto na compra de producións alleas, ocultacións de contratos á Intervención delegada, etc. Nese período o Ente público RTVE perdeu máis de 400.000 millóns de pesetas.

Irregularidades como as descritas, denunciadas tamén na xestión da CRTVG, cuestionan a suposta eficacia da Administración ao someterse ao ordenamento xurídico privado. Mais o que parece claro, conclúen, é que
a creación de empresas públicas aumenta os ámbitos de poder dos gobernantes non suxeitos a control, o que constitúe unha forma eficaz de recompensar e colocar aos adeptos e mesmo de financiar aos partidos políticos.

No marco da reforma dos medios públicos en Galiza, son oportunas estas reflexións, que acreditan no sometemento pleno da CRTVG e as súas sociedades ao Dereito público, garantindo así os principios de igualdade, non discriminación, obxectividade, transparencia, libre concorrencia, eficiencia e economía en materia de gasto público, selección de contratistas ou contratación de persoal. O compromiso de cambio político que os actuais gobernantes adquiriron coa cidadanía galega así o demanda.

3.12.08

XUBILACIÓN E REPARTICIÓN DO TRABALLO

O ciclo de crecemento económico que agora pechamos demostrou non ser quen de absorber o desemprego acumulado e a incorporación de traballadores/as novos/as.

Por iso, no marco das políticas orientadas a conseguir o pleno emprego que recolle o artigo 40 da Constitución, os sindicatos apostamos na recente negociación colectiva por medidas efectivas de repartición do traballo. Entre elas o fomento da xubilación anticipada a tempo parcial ou total e o retiro -con carácter xeral- aos 65 anos.

Desde que negociamos a xubilación parcial acolléronse a ela nove persoas (incluídas dúas solicitudes que se farán efectivas en xaneiro). Isto permite concertar outros tantos contratos de relevo a xornada completa con traballadores/as en paro, o que mellora de forma considerábel a calidade do emprego na CRTVG e as súas sociedades.

Por outro lado, ao abeiro da disposición adicional décima do Estatuto dos Traballadores, negociamos a xubilación aos 65 anos. Será así sempre que o empregado/a teña cotizado o período mínimo que lle permita acceder a unha pensión contributiva. O retiro está vinculado á promoción do emprego de forma que as prazas vacantes terán que cubrirse con persoal fixo polo procedemento previsto no artigo 16.3 do Convenio Colectivo, e nunca amortizarse.

Trátase, xa que logo, de conciliar axeitadamente os dereitos individuais dos/as traballadores/as cos intereses colectivos orientados a conseguir o pleno emprego.

Se estas medidas son necesarias en época de crecemento económico, aínda o son máis en períodos de recesión como o que se aveciña. A medra do paro e as dificultades económicas para un sector importante do nosa sociedade requiren destas formas de repartición do traballo.