A principios do 2005 os directores das radiotelevisións públicas estatais de Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia e España, reunidos en Madrid, difundiron un comunicado conxunto que representaba unha declaración de principios asumida polo Consello para a reforma de RTVE:
“Ante a concentración na propiedade empresarial e a perda de calidade nos contidos, faise cada vez máis necesario contar con radiotelevisións públicas fortes que formen parte do modelo de sociedade da UE en beneficio da calidade da democracia... Na reforma de RTVE, resulta esencial que a organización, os contidos e o financiamento que se lle atribúa garantan a súa independencia e unha dimensión que lle permita desenvolver a súa misión de servizo público”.
Mais o goberno de Zapatero fixo o contrario. Impuxo un drástico Plan de Saneamento que supón a eliminación da metade do cadro de persoal (os de máis experiencia e moitos dos mellor preparados), provocando unha descapitalización profesional que limita seriamente a capacidade e a calidade da produción da radiotelevisión pública estatal.
Á metade que se queda a SEPI anunciou unha rebaixa dos dereitos sindicais, laborais e salariais, que precarizan as condicións de traballo, o exercicio profesional e a calidade do servizo público: redución de soldos e complementos, volta ás 40 horas semanais e modificación das condicións para a suspensión e extinción da relación laboral, entre outras medidas.
E abriuse o camiño á privatización mediante a creación de sociedades con participación pública minoritaria.
Deste xeito, en nome dunha suposta mellora do servizo público, acredítase no desmantelamento da radiotelevisión pública do Estado, para satisfacción e beneficio das produtoras e dos grandes grupos de comunicación privados.
Ollo ao piollo.