23.6.09

RESOLUCIÓN DO IV CONGRESO DA CIG DE ADHESIÓN


MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG.
Contra a censura e a marxinación da música galega.


Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega”.


Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS , e en relación coa deformación e perversion dos seus contidos…


Consideramos que este programa viña sendo…

  • Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía.
  • Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música.
  • Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no nosso país como un ben público de interese xeral.
  • Un programa que axudaba a tecer os fios da rede socio-cultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente.
  • Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que –como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá.
  • Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega .
  • Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música.
  • Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
  • Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.

...e por iso...

  • Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.
  • Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.
  • Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.
  • Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!
  • Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.