9.2.10

A CIG AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN E INDIGNACIÓN ANTE AS AMEAZAS VERQUIDAS POLA SUBDIRECTORA DE CONTIDO NA REDACCION DA RADIO GALEGA.


Esixe ó Director Xeral e á Xerencia que se normalice e reconduza a actuación do equipo directivo da Radio.


A COORDINADORA da CIG viña prestando especial atención á situación creada nos departamentos de Informativos e Programas durante as últimas semanas, sobre todo a raíz das mobilizacións contra o Decreto do Plurilingüismo. Tras debater sobre os feitos relatados por algúns dos seus membros e corroborados por diferentes testemuñas de traballadores , acordou propor ó Comité de Empresa a aprobación dun escrito denunciando a situación. Pero por diferentes causas alleas á vontade desta Coordinadora, o Comité non se reuniu este pasado xoves como adoita facer e como estaba convocado.

Daquela a CIG considera que non se pode agardar máis para reaccionar ante uns feitos que consideramos graves e que expomos de contado. Na xuntanza de hoxe a CIG ACORDOU:

…Lamentar e condenar as ameazas que a Subdirectora de Contido, Rosa Sierra, lanzou a toda a redacción, de viva voz , nun intento de meterlle medo ós traballadores que “ousen” falar de vetos ós redactores. As súas palabras ,dirixidas á toda redacción , ... “a partir de ahora voy a vetar de verdad” , nun ton exaltado e ameazador, non se poden consentir nunha empresa cunhas relacións laborais ordenadas e razoables. Por se non abondase , ó dia seguinte chegou a repetir a advertencia : …”Hasta ahora fuí una señora. A partir de ahora se van a cagar” frase pronunciada nunha conversa cun traballador pero en ton moi alto e perfectamente audible en boa parte da redacción, con clara intención de que todos a escoitasen. Os feitos descualifícanse de seu e non pasarían de ser unha lamentable “saída do testo” se non fose porque representan un intento de asustar ós traballadores ós que se considera co-partícipes do “pecado” de preguntar polos motivos dunha decisión da Dirección. Estas ameazas son , ademais , un ataque á independencia profesional dos xornalistas , incompatible coa propia existencia dun medio público como a Radio Galega.

…Este episodio complétanse co tratamento informativos que tivo todo o referido ó polémico Decreto, tratamento no que a RG amosou, unha vez máis, que está só para servir ós intereses da Xunta. Poderase negar esta afirmación , pero a realidade é teimuda en demostralo. Dende entrevistas a eito a prol do decreto , con preguntas do entrevistador cargadas de opinión, ata intentos de impoñer convidados en determinados programas , pasando por ordes para abrir as información con determinadas frases, compuxeron un panorama de manipulación informativa só superado coa propia noticia do día da manifestación contra o Decreto . Chegouse a facer “contra-información preventiva” : na véspera da protesta, o Redactor Xefe xa tiña escrito un texto con cortes de voz de persoas opostas á xornada de folga no ensino. Se os convocantes non tiveron voz para falar da incidencia do paro, si falaron un representante dunha ANPA e o secretario dun CEIP , que , a título particular , amosaron a súa oposición á folga.

E nestes días as medidas de control sobre o que escribe o persoal , subiron un grao : ós traballadores de programas e ás delegacións, obrígaselles a escribir no sistema aberto, algo que se levaba pedindo dende hai tempo por necesidades operativas. Pero adoptar agora esa decisión parece obedecer a un intento dos xefes por aumentar o control preventivo da censura , máis que por soluciona-los problemas que había de acceso á información. Resulta particularmente rechamante que estas actuacións partan da Directora de Contido e do Redactor Xefe, dúas persoas que ata hai pouco tempo tiñan responsabilidades ó máis alto nivel na representación dos traballadores : presidenta do Comité de Empresa e Delegado Sindical, respectivamente.

… A Coordinadora da CIG considera que sería fundamental, para tratar de atallar esta desfeita na política informativa da RG , botar a andar , dunha vez por todas, os Consellos de Redacción ,cuxa constitución está dende sempre recollida nos distintos Convenios Colectivos da CRTVG. E nese senso lembrámoslle ó Director Xeral que moitos dos membros do seu actual equipo directivo na TVG foron arduos defensores , radicais reclamantes , da creación deses Consellos. Nas súas mans está, agora, facelo. Nese labor pode contar con este sindicato.


Acórdase dar publicidade a este escrito e remitirlle copias ó Director Xeral e á Directora Xerente da Radio Galega, como responsables últimos de todo o aquí recollido, facéndolles a petición de que reclamen dos seus mandos intermedios un pouco de sosego e sentidiño, un chisco máis de profesionalidade e o respecto á liberdade no exercicio xornalístico dos seus locutores e redactores. Seguiremos tentando que o Comité de Empresa se pronuncie sobre a situación.