6.2.10

A CIG PIDE Á UNIVERSIDADE DE SANTIAGO QUE MIGUEL TÚÑEZ CESE NA SÚA PRESTACIÓN DE SERVIZOS PROFESIONAIS Á RADIO GALEGA


A Confederación Intersindical Galega (CIG) solicita ao Rector da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que requira a José Miguel Túñez López, funcionario do corpo de profesores titulares de universidade e ex decano de Ciencias da Comunicación, para que cese inmediatamente na súa prestación de servizos profesionais para a Radio Galega (RG), consistentes na dirección e presentación do programa A Tarde, por tratarse dunha conduta prohibida pola Lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

En data 19 de novembro de 2009, a Inspección Provincial de Traballo e Seguranza Social da Coruña practicou acta de infracción, ao considerar que José Miguel Túñez López, funcionario do corpo de profesores titulares de universidade con destino actual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fora cedido ilegalmente á empresa Radio Televisión Galicia, S.A. (RTG, S.A.).

Malia que a citada acta da Inspección de Traballo foi notificada tanto á RG como, presumiblemente, á USC, Túñez López continúa a día de hoxe a simultanear as súas funcións como profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, onde imparte a materia de Produción da Información da Licenciatura en Xornalismo, e como director e presentador do programa «A Tarde», prestando os seus servizos profesionais nas instalacións da RTG, S.A, habitualmente en xornada de 12.00 a 19.00 horas, de luns a venres.

A declaración, por parte da Inspección Provincial de Traballo e Seguranza Social, da existencia de cesión ilegal dun empregado público da USC –e, como presuposto xurídico desta, dunha relación laboral entre Túñez López e a RG– determina a aplicación da Lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, cuxo artigo 1.1 dispón que: «El personal comprendido en el ámbito de aplicación de esta Ley no podrá compatibilizar sus actividades con el desempeño, por sí o mediante sustitución, de un segundo puesto de trabajo, cargo o actividad en el Sector Público, salvo en los supuestos previstos en la misma».

A CIG advirte á USC que, no caso de non obter resposta favorábel á súa petición, adoptará as accións administrativas e penais que procedan contra as autoridades e funcionarios do USC responsábeis do incumprimento, con base no disposto no artigo 19.3 do Real Decreto 898/1985, do 30 de abril, conforme ao cal: «Las autoridades académicas, sea cual fuere su rango o cargo, que toleren o encubran la realización de actos o conductas constitutivas de falta disciplinaria, incurrirán en responsabilidad y se procederá a las actuaciones previstas en el ordenamiento jurídico para su corrección».

A CIG tamén solicita ao Reitor da USC que, de non acatar Túñez López o anterior requerimento, incoe expediente disciplinario pola comisión dunha infracción administrativa moi grave en materia de incompatibilidades, consoante ao artigo 18.2 do Real Decreto 898/1985, do 30 de abril.