29.3.10

A CIG RECORRE A EXTERNALIZACIÓN DOS DIRECTOS


O pasado 9 de marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo interposto pola CIG de impugnación do concurso público para a prestación do servizo de conexións en directo para TVG, S.A. (expte. 2010/S 1-000699).


A CIG ven reclamando dende hai tempo que tanto os directos como as delegacións se presten pola radio e a televisión públicas de Galiza con medios humanos e técnicos propios. A defensa da produción propia na área de informativos asegura a creación de postos de traballo estables e con iso a calidade da información, elemento chave da identidade do servizo público de radiodifusión e televisión.


A CIG anuncia que, de prosperar este recurso, seguiranlle outros contra actos administrativos que impliquen a externalización dos servizos informativos, nomeadamente das delegacións, (sen prexuízo da súa extensión a outros servizos estruturais) se a Dirección da empresa teima nesa vía e non accede a negociar a estrutura territorial da Radio Galega e a Televisión de Galiza, segundo o establecido na disposición adicional terceira do convenio colectivo.